AS TRANSFORMACIÓNS DO CONVENTO
A pesar das reformas sufridas ao longo dos séculos, a estrutura xeral do templo de Santa Catalina de Montefaro mantén en boa medida a súa forma baixomedieval. Na súa orixe a nave única lonxitudinal que agora vemos constaba de cinco ou seis tramos, e remataba nunha ábsida cuadrangular máis pequena, con bóveda de crucería. O coro alto aos pés do templo debeu construírse cara ao fin do século XV ou principios do XVI. O xabaril, emblema dos Andrade, tiña relevancia na igrexa: dos agora expostos, o de maior tamaño e mellor factura debeu estar antigamente dentro do templo, na sala da epístola, sobre a entrada á capela maior, e o máis pequeno seguramente coroou o hastial occidental, cunha cruz antefixa inserta no seu lombo. (fig 1 o Xabaril)
No século XVIII abordáronse algunhas das principais reformas do templo: alzouse a torre, construíuse unha nova capela maior cun retablo en substitución da medieval, e abriuse un arco de entrada á igrexa no muro sur. (fig 2. Torre..) Tras a desamortización e co seu uso militar as principais actuacións foron as compartimentacións interiores para facilitar as súas novas funcións e a apertura de novas portas no muro setentrional, cara ao convento. A fachada sur viuse máis afectada por estas intervencións: reconstruíuse o lenzo mural por completo, cegando a porta barroca e abrindo unha fileira de seis vans na parte inferior. Ao tempo tamén tapiouse a entrada principal e a lateral que dá ao vestíbulo.
Podemos imaxinar como sería o convento medieval. Tería un claustro único, con galerías dunha soa planta de arcos apuntados e columnas dobres, do que aínda se conservan as cruxías meridional e oriental e parte dos seus muros interiores, e unha arquería con tres vans de entrada á sala capitular, no leste, con capiteis figurados e escenas da vida de San Francisco. (fig 3 arcos da entrada…) Probablemente as dependencias terían dúas plantas na parte norte. As pinturas con escenas da Paixón que vemos nalgúns vans do muro sur realizáronse no século XVI.
No século XVII o claustro foi demolido e comezou a levantarse outro de dous pisos que mantén a planta do medieval e algúns dos seus paramentos e muros, nunha obra que non se remataría ata comezado o século XVIII. O actual claustro presenta dúas plantas, a inferior con arcos de medio punto e a superior con pilastras e xanelas adinteladas. O convento ampliouse cara ao oeste do novo claustro, onde se construíu un segundo patio, con arcadas ao norte e ao sur que foron en principio dun só piso, ampliado polos militares a principios de século XX cunha segunda planta.