HISTORIA DO MOSTEIRO DE SANTA CATARINA
Fundación, auxe e apoxeo do Mosteiro
No alto dun outeiro, entre as rías de Ferrol e Betanzos, e entre as vilas de Ares e Mugardos, levántase o Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro. Neste lugar dicíase que houbo en tempos un templo romano dedicado ao sol, sobre o que despois se construiría un cenobio e un albergue templario. Pero houbo que esperar a finais do século XIV para a creación dun mosteiro mercé á intervención do cabaleiro Fernán Pérez de Andrade, chamado o Bo, o gran promotor de construcións públicas na Galicia da época, como igrexas e mosteiros, pontes ou hospitais. En Montefaro, en 1393, conseguiu licenza do arcebispo Xoán García Manrique para edificar un convento dedicado a Santa Catarina para a Orde Terceira Regular de San Francisco.
Andrade e o arcebispo dotaron xenerosamente a nova fundación, asignándolle a ermida de Santa María de Chanteiro, terras da península formada por Ares e Mugardos, posesións en Pontedeume, Miño, Ferrol, e mesmo a propia vila de Mugardos, sobre a que ostentaría o señorío ata o século XIX. Estes amplos dominios permitiron o pronto enriquecemento de Montefaro, reforzado por bulas pontificias que sancionaban as doazóns e asignaban indulxencias e outras grazas espirituais aos peregrinos, así como novos dereitos de propiedade eclesiástica, exencións e monopolios.
Pero as doazóns non foron exclusivas da Igrexa ou dos Andrade. Outros veciños da comarca deixaban nos seus testamentos pequenas propiedades que pronto eran aforadas e incrementaban as rendas do mosteiro. As posesións e privilexios permitíronlles aos frades de Montefaro levar unha existencia cómoda ata a desamortización de Mendizábal en 1835.
—————————-
Exclaustración e declive
A exclaustración de 1835 foi un momento traumático para Santa Catarina de Montefaro. Á súa deterioración inmediata seguiron espolios e mesmo, en 1836, un intento non executado de demolición para a construción, cos restos, dun cárcere, un arquivo e un templo en Mugardos. En 1849 o conxunto pasou a depender do concello de Ares, e reservouse unha parte para escola e o resto para hospital ao servizo dos castelos de San Felipe e da Palma. Non obstante estas decisións, o convento resultou abandonado e comezaba así a súa paulatina degradación e ruína. A escola, ante a deterioración do edificio, trasladouse en 1890, e por esas datas comezaron a elaborarse as primeiras propostas para converter o convento nun cuartel, vista a idónea localización para a protección das rías. Un informe militar de 1895 constataba a ruína xeral das estruturas de madeira e teitumes que ameazaban caída, aínda que os muros de sillería mantíñanse en bo estado. Tampouco a igrexa, que se abría ao culto excepcionalmente, se libraba da deterioración xeral.
As primeiras intervencións para a conversión do antigo convento en instalación militar comezan coa elaboración dun anteproxecto en 1897, e ao ano seguinte, no contexto histórico da Guerra de 1898, prodúcese o primeiro acuartelamento dunha compañía de artillería e un destacamento de infantería. En 1904 elaborábase un “Proxecto de obras de defensa marítima” que concretaba e ampliaba as iniciativas de adaptación á nova función militar. As reformas consistiron sobre todo en modificacións da compartimentación interior, mesmo nos alzados, pero en conxunto o convento mantivo a súa estrutura xeral, aínda que se engadiron un murete na azotea, un tambor de vixilancia con remate triangular xunto á porta de entrada, e outro volume en aspillera que substituiría a un demolido corpo saínte na zona oeste.
En canto á igrexa, só a parte do altar maior mantivo a súa función: a nave compartimentouse en dúas alturas, sendo a baixa unha enfermería e o superior pavillón de oficiais. O cambio afectou tamén as entradas á igrexa, construíndose unha nova fachada ao sur, e abrindo un novo acceso desde o claustro. A sancristía, pola súa banda, dividiríase en dúas para crear un almacén. O retablo maior conservouse no seu sitio, salvándose do destino do resto de altares e mobiliarios litúrxicos que foron distribuídos por outras igrexas.
Durante o século XX continuaron realizándose obras e reformas (electricidade, telefonía, cociña) para adecuar os espazos aos novos usos. Tamén houbo cambio nas funcións dalgunhas partes do edificio, e así nos anos 20 o antigo refectorio do convento, que fora reconvertido en dormitorio, recuperaría o seu uso como comedor de tropa, e o citado dormitorio trasladaríase a unha antiga cuadra na á occidental do patio. Tamén nesta época construiríase xunto ao cuartel un pavillón de dúas plantas, o Hospitalillo, para o seu uso como enfermería.
En 1979 restaurouse o retablo maior, e nos anos seguintes iniciouse un novo proceso de rehabilitación e consolidación duns espazos que ían perdendo paulatinamente a súa función militar, porque o acuartelamento quedou reducido xa a unha pequena base de adestramentos eventuais de tropa. As novas reformas, proxectadas nun informe de 1983, terían xa o obxectivo de rehabilitación patrimonial do convento, revertendo nalgúns casos as intervencións do último século, suprimindo estruturas de formigón e cemento, e buscando achegalo á súa construción primitiva. No caso da igrexa, eliminaríanse as dúas alturas e as divisións interiores, mantendo a parte alta aos pés da nave para o seu uso como coro. As cubertas do conxunto, moi deterioradas, comezarían a renovarse en 1987, aínda que ata fin de século non se acometería nas súas seccións norte e oeste.
Desde 1985 estúdase o cambio de uso do antigo convento de Montefaro. Primeiro pensouse en dedicalo a Parador Militar, e a residencia das Forzas Armadas. Finalmente, no ano 2000, o mesmo en que Santa Catarina de Montefaro era declarado Ben de Interese Cultural, o Ministerio de Defensa autorizaba ao Concello de Ares o uso o seu uso para fins públicos, unha autorización que se renovaría periodicamente nos últimos anos. En 2008 a Xunta de Galicia aprobou un Plan Director para Montefaro, e ao ano seguinte redactouse un anteproxecto que definía as prioridades de actuación. En 2017 elaboraríase o proxecto de acondicionamento do espazo coñecido como Cabido, aos pés da nave da igrexa, para o seu uso como Centro de Interpretación.